Días contados, por Raquel Lema, presidenta do comité interempresas da CRTVG

Oito meses despois da creación deste blog, chegamos (de feito xa o superamos) ós 500 artigos. Para celebralo (a verdade que é motivo de celebración) publicaremos nos vindeiros días varios artigos de opinión sobre a importancia do blog, da súa existencia e función e da loita dos profesionais dos medios públicos por unha televisión e unha radio coas que todos se podan identificar.

Empezamos a xeira de artigos por este texto redactado por Raquel Lema, presidenta do comité interempresas da CRTVG.

Días contados

Chega este blog aos 500 artigos e toca facer balanzo, reflexionar, abrir a fiestra e mostrar as tripas, sincerarse, entrar en detalles, explicar e pedir explicacións. E isto, xa previsto hai días, agora neste contexto, co negro maldito de Canal 9 aínda nas nosas retinas, encollendo o noso corazón, alterando emocións, consciencias e agardemos que conciencias.

Por onde empezar? Polo principio, por aquela asamblea na que alguén soltou a idea, fagamos un blog para denunciar as manipulacións de cada día, votemos, que sí, que dádelle para adiante, e así foi, aquí estamos.

O resto, un camiño arduo como non imaxinades. Máis medo que voluntarios e voluntarias, suspicacias, miradas de reollo, desconfianzas, o de…e tí de quen eres?, o de… non nos expediantarán?, coa man lixeira que ten esta dirección para impoñer disciplina. E, aos poucos, as pezas foron encaixando e o grupo medrando, en número e en confianzas. Redactores e redactoras en rede, detectando inxerencias, terxiversacións, modificacións, presións, burdas manipulacións da realidade. Un traballo en equipo, de decisións colexiadas.

“Aquí estamos, señor Sánchez. Somos nós”

Non recoñezo un blog que é anónimo, cuspe no Parlamento o noso director xeral. Indigna. Aquí estamos, señor Sánchez, somos nós, os e as que madrugamos para chegar cada día puntuais aos nosos postos de traballo, debaixo do seu despacho. Que pretende, que asinemos as denuncias? Pídalle contas ao comité de empresa, que asume a responsabilidade e a autoría do blog, niso quedamos, non pode aínda ser doutro xeito, non está esta democracia tan avanzada. Que lle quere? Se son vostedes os que nos negan o Consello de Informativos que tería que facer este traballiño, son vostedes os que nos negan o lexítimo amparo dun Estatuto Profesional. É cuestión de tempo, non poderán incumprir a Lei vintecinco anos máis, non hai corpo que aguante.

E, neste tránsito, xurden tensións, internas e externas. Dentro, un par de queixas de compañeiras e compañeiros que acusan ao blog de errar na interpretación e, subxacente, o eterno debate de se convén facer isto público, airear que hai roupa sucia, coma se ninguén se enterase. A decisión, de tanto que se demoran outras espitas, está tomada: seguimos, con todas as consecuencias. E fóra, ai, ai, ai, fóra está o mundo. O gran grupo galego de comunicación privado (de todo, menos de subvencións) elevando o tono dos seus perennes ataques, aproveitando o rebufo contra a mala xestión do público para cargar contra nós; se ata o mesmo persoal da CRTVG denuncia manipulación informativa, para que necesitamos televisións públicas que nos custan tantos hospitais? Outra vez o temor, aquel debate da roupa. Indigna tamén, señor Sánchez, indigna tamén. Alguén debía contestar. E por último, a política, coas súas leas, tan ineficaces, utilizando case sempre esta empresa como unha bala. Pim, pam, pum, a manipulación, pero nada cambia, pasan os anos e nada cambia. Grazas por seguir o blog, sabemos que moitos e moitas estades aí, parlamentarios, concelleiras, facede o exercicio de poñervos no noso lugar. Necesitamos máis. Xa, seguro que é difícil. Sabémolo ben. Pero temos esperanza.

Porque é imposible non a ter. Hoxe amencemos coas imaxes da manifestación de onte de Valencia, bravo! Unha representación importante desa comunidade, en sintonía co exemplo de resistencia e dignidade obreira que vimos en Burjassot, sae á rúa en defensa da súa radio e da súa televisión, malia todo, malia os silencios, malia a manipulación que xa ninguén nega. Demandan un cambio na xestión e no modelo, protestan polo millonario saqueo sen responsables, polo método fascista co que executaron o apagón, berran que queren medios de comunicación públicos, porque saben o que está o xogo, un dos piares da democracia. Non debiamos ter que chegar ao extremo de perdelos para empezar a choralos.

“Mirade fóra. Acaso non escoitades o clamor?”

Mentres todo isto acontece a un ritmo frenético, nós, aos poucos, aquí estamos, sumando días, sumando artigos, sumando forzas, internas e externas. Para os que saben que teñen que escoitar, para os que impoñen esas prácticas que serven a intereses que non son os da maioría da sociedade galega e para os que colaboran con esa minoría poderosa a cambio de non sabemos con certeza o que, unha demanda: quitade dunha vez por todas as mans das nosas plumas porque este tempo xa acaba. Mirade para fóra, acaso non escoitades o clamor? É imparable. Sodes vós os que tedes os días contados. Que vivan os medios públicos de comunicación! Reapertura da RTVV xa!

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s