AS IMAXES QUE NUNCA DEBERON EMITIRSE, ORDE DA DIRECCIÓN DE INFORMATIVOS

           
           24 DE XULLO. Unha parte das imaxes que emitíu Televisión de Galicia do descarrilamento do tren en Santiago nunca deberon facerse públicas. E así tería sido se a dirección de informativos seguise o criterio cabal e profesional do redactor  que se encargou de editalas.
          

Cando a primeira grabación realizada no lugar do suceso chegou a TVG, o redactor eliminou os planos nos que se podían recoñecer vítimas, os que amosaban o rescate de corpos aínda sen tapar, e os que ensinaban o aspecto máis morboso da traxedia.

Cando xa se emitiran esas primerias imaxes seleccionadas, a directora de informativos preguntoulle ao redactor se aproveitara todo o que estaba grabado. O xornalista contestou que aproveitara todo o emitible, e que só quedara o excesivamente violento e desagradable, que ademáis non aportaba nada desde o punto de vista informativo.

A directora mirounas e insistíu en que había que emitilas, que así era a crudeza do suceso e que non se podía ocultar. O redactor lembroulle a polémica en torno ás imaxes emitidas por algunhas televisións cando se perpetraron os atentados do 11M nos trens de Madrid, pero a directora de informativos insistíu na súa orde.

O xornalista acatouna; non tivo máis remedio; pero aclarou diante dos seus compañeiros que esas imaxes non eran responsabilidade súa, se non da directora de informativos.

E así foi como toda Galicia -pode que tamén os familiares das vítimas- contemplou atónita o que nunca se debeu publicar, previo aviso do presentador de que “as imaxes que van ver a continuación poden ferir sensiblidades”.

             Unha vez emitidas, non tardou un dos redactores xefes, xa non a directora de informativos, en dicirlle ao mesmo xornalista que cando chegasen novas imaxes eliminase aquelas nas que se vían as caras dos accidentados. Debeu ser porque as críticas empezaron a agromar nas redes sociais, pero en todo caso a contraorde chegou tarde. O DANO XA ESTABA FEITO.
             Actitudes coma esta estiveron a piques de botar por terra o esforzo dos traballadores, que non escatimaron horas e que conseguiron, malia a pésimas decisións coma esta, informar do tráxico descarrilamento do tren con  profesionalidade, de xeito  que TVG foi referencia en todo o país. NORABOA AOS TRABALLADORES.

Deixar un comentario