Desastre electoral

12 de setembro. O que vimos esta noite está a dicir cal é o servizo que está a facer a Galega; un servizo por e para os políticos. 
debate

Nun debate dos principais candidatos ás eleccións do 25-S non se veu, nin escoitou, máis que unha sucesión de mensaxes propagandísticas en quendas cun estrito orde e minutado, xestionado por dous presentadores teleñecos. Unha serie de declaracións mirando directamente a cámara (xa a disposición no plató estaba pensada para dirixirse ao espectador en vez de enfrontarse cara a cara entre os adversarios), con escasas referencias e discusión entre os participantes, que nalgúns casos estaban máis pendentes do que levaban apuntado para ler que en entrar no xogo do debate. Pesado, excesivamente encorsetado, pero como moi ben explicaron ao comezo, esta especie de tempo cedido para a propaganda, non servíu máis que para confirmarnos o que xa vimos denunciando neste blog: a televisión non a fan os xornalistas, páctase nos despachos e acórdase entre as executivas dos partidos políticos e o máis triste é que hai algúns que se chaman a sí mesmos profesionais que lles entran no xogo por unha sustanciosa remuneración.
O visto nese encontro de políticos cronometrado está lonxe de ser un debate aberto, con moitas preguntas incómodas para os candidatos, incisivas, para sacarlles as cores aos candidatos porque o xornalista ten a obriga de facelas, a todos, aos cinco presentes.
Un debate ten que servir para ver cal é o mellor candidato, un exame político e persoal que sirva os cidadáns formarse unha idea clara das distintas opción políticas. Os xornalistas teñen a obriga de fomentar o debate con temas que xeran controversia e confrontación das distintas posturas, en definitiva unha discusión que destaque as boas cualidades e as eivas de cada intervinte.
O debate é para os cidadáns, que teñen que esixir unha información de calidade, que neste caso está moi lonxe de ser un debate dirixido de xeito independente.
Non hai máis que botarlle un ollo a outros países:
Pero mesmo se aceptamos que un debate debe ser algo pactado ao milímetro en tempos, quendas de intervención e temas, na Galega saltáronse as normas máis elementais. É dicir, o pacto non se respectou. Nas negociacións previas, os partidos non aceptaron como tema de debate os acordos postelectorais. Pois ben, o señor Feijóo, en pleno debate, abre o tema. E el mesmo di que xa sabe que ese asunto non está dentro dos pactados, que os partidos non estaban de acordo en tratalos. Pero el marca a axenda do debate e ningún moderador o interrompe para dicirlle que ese tema, segundo o establecido por tódolos partidos, non se ia debater. Tampouco se lle pediu ao señor Feijóo que deixase de interromper continuamente o discurso dos rivais, facendo imposible nalgúns momentos que se oísen os seus argumentos. Son os propios políticos os que acabaron exercendo de moderadores pedíndolle a Feijóo que deixara falar aos demais sen interromper. En definitiva, os moderadores acabaron converténdose nunha figura decorativa dentro dun debate que o señor Feijóo dirixiu ao seu gusto.

Deixar un comentario