Principios de manipulación

COMO SE MANIPULA NA TVG

A manipulación nun medio público como a TVG comeza xa cos nomeamentos de directivos tras as eleccións autonómicas. O partido ou partidos gañadores sitúan nos postos clave xente de absoluta confianza, normalmente por afinidade política, que van traballar “pola causa” e favorecer claramente aos que os colocan na dirección.

ESPAZOS INFORMATIVOS

Os postos de responsabilidade no departamento de Servizos Informativos (que inclúe Telexornais, Bos días, Galicia, A Revista, Deportes… etc.) son claves para o traballo diario; son a “sala de máquinas” do que sae en pantalla neses espazos. Por iso é fundamental que a xefatura de Informativos recaia en alguén completamente fiel ao partido de goberno.

Os chamados “capataces” son os redactores xefes. Actualmente hai catro. Son os que reciben directamente as consignas e as trasladan ás informacións.

DIRECTORES/AS E EDITORES/AS

Dirixen os Telexornais e outros programas informativos. Seguen estritamente as ordes e consignas da xefa de Informativos e dos redactores xefes. Baixo esas normas, elaboran as escaletas (a orde e relevancia das noticias a emitir) e asignan os traballos aos/ás xornalistas. Para evitar complicacións, danlle as noticias “delicadas” a xente servil, ben porque que non protesta por mor da súa situación laboral (contratos precarios), ben porque é fiel á liña que se segue, e está de acordo con que se manipule a favor de quen goberna.

Ademais dos directores/as e editores/as (que chegan a duplicar o salario dun simple redactor/a), eses/as xornalistas servís tamén adoitan estar recompensados/as con algún tipo de “plus”… digamos que pola súa colaboración. Cando hai viaxes, programas especiais ou, sobre todo, eleccións, son asignados a eses operativos, e cobran cantidades que poden triplicar o seu soldo mensual.

SEGUEMENTO PRESIDENCIAL E PROGRAMAS INFORMATIVOS

Nin que dicir ten que o seguemento informativo das actividades do Presidente da Xunta faino alguén que non discute as consignas e se limita a resaltar o positivo, nunca unha crítica ou un comentario que poida ofender ao partido do goberno ou aos/ás responsables da TVG. Nin sequera se inclúen preguntas comprometidas doutros xornalistas en roldas de prensa.

Algúns programas non diarios están a cargo de profesionais que non resultan incómodos nin protestóns, e aceptan o que se lles indica “desde arriba”.

TRATAMENTO INFORMATIVO

A manipulación nun Telexornal, por exemplo, ten un mecanismo moi sinxelo. Directores/as e editores/as escollen as noticias que se van dar, e despois de encargarllelas aos/ás xornalistas, nos casos “conflitivos” indícanlles o que teñen que destacar. Inclúense sempre comentarios ou declaracións que deixan en bo lugar ao PP (que goberna a Xunta na actualidade) e aos/ás seus dirixentes. Paralelamente, dos grupos da oposición destácanse informacións negativas, leas internas e problemas. Cando aparece noutros medios algunha información “problemática” para o PP, só se da a contestación ou versión gubernamental.

Así é, moi resumidamente, o método que se emprega para manipular os informativos na TVG. As prácticas de manipulación desvirtúan a finalidade última que xustifica a existencia de medios públicos de comunicación, facendo deles un perverso e antidemicrático uso partidista. É por iso que, como traballadores e traballadoras da TVG seguiremos denunciando cantas situacións deste tipo coñezamos e padezamos.