O domingo 3 de agosto, os principais xornais de Galicia informan sobre os recortes que comezará a aplicar este mesmo mes a Xunta – por medio da Consellería de Traballo e Benestar – ás persoas dependentes.
En Galicia hai uns 40.000 casos nesa situación, en distintos graos. Nos coidados familiares, o recorte será do 25%, pasando dunha axuda máxima de 520 euros mensuais a 387, pero hai casos nos que a rebaixa será do 49 %.
Hai un caso que ilustra claramente esa política de recortes impulsada polo goberno central, que decide aplicar a Xunta de Galicia; os 23 dependentes que atende un centro concertado do concello de Teo, a carón de Santiago, sufrirán unha perda media de 257 euros na axuda mensual:
A pesar da importancia da noticia, pola cantidade de xente á que afecta en Galicia, e nun sector da poboación especialmente vulnerable e sensible aos recortes, nin os informativos da fin de semana da TVG (Telexornais de sábado e domingo) nin os do luns ofrecen a máis mínima referencia a ela, silenciándoa por completo.
Igual @s responsables de informativos da TVG decidiron que non era unha noticia destacada, e si pensaron que había outras máis importantes… velaí teñen tres exemplos do domingo no Telexornal mediodía:
O atropelo dunha anciá en Navarra…
Unha avaría no servizo da auga de dúas parroquias en Pontevedra…
E o acto de proclamación dos cabaleiros e as donas do Albariño en Cambados (iso si, ateigado de cargos e membros do PP)…
Estas informacións si, pero os graves e dramáticos recortes para os dependentes e as súas familias en Galicia, non. Igual é porque deixan en mal lugar ao PP e as súas políticas sociais…