Mércores 4 de xuño. A voceira do PP de Galicia, número tres na xerarquía do partido e persoa de confianza do presidente Alberto Núñez Feijoo, Paula Prado, dimite do seu cargo orgánico pero non deixa o escano no Parlamento de Galicia.
A súa presunta relación coa operación Pokemon, cando era concelleira en Santiago, complicáballe o labor de voceira do partido do goberno galego, segundo ela mesma explicou en rolda de prensa.
Neste blog temos vocación de ser xustos cos tratamentos das noticias, e a información da rolda de prensa de Prado emitíuse de xeito correcto en canto ás súas explicacións, pero non así nas reaccións á noticia.
No Telexornal mediodía só se ofreceu a versión de Paula Prado…
http://www.crtvg.es/informativos/paula-prado-dimite-como-voceira-do-ppdeg-828202
No Telexornal serán engadíuse aparte a valoración do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda…
http://www.crtvg.es/informativos/paula-prado-dimite-como-voceira-do-ppdeg-828702
Pero non se ofrece ningunha opinión dos partidos da oposición, que tamén pediron a súa marcha como deputada:
http://www.farodevigo.es/galicia/2014/06/04/age-bng-piden-prado-dimita/1036384.html
E lembren tan só unha referencia de hai menos de dúas semanas, cando o PP de Galicia destacaba a presenza de Paula Prado en 32 actos da campaña para as eleccións europeas:
É obriga dos medios públicos respetar a pluralidade política e, polo tanto, unha noticia de tanta trascendencia como a dimisión da voceira do partido que goberna, debería incluir tamén as opinións de tódolos partidos.
Para os informativos da TVG non é relevante que se vaia a man dereita do presidente da Xunta no partido que sustenta o goberno, nun momento no que está cuestionada por unha investigación nun caso de corrupción que, ademáis e tanxencialmente, acaba co goberno municipal da capital de Galicia do que ela tamén formou parte nos períodos que investiga a xuiza Pilar de Lara.
Parece que os informativos da TVG non consideran relevante o tremor que sacode ao PPdeG pola Operación Pokemon ata as altas instancias do partido en Galicia, e que teñen o máximo exponente na situación de crise do goberno de Santiago tras a sentenza que inhabilita sete concelleiros do PP e a dimisión doutra concelleira máis, aparte da imputación que pesa sobre o alcalde Angel Currás.