Luns 2 de xuño. O mesmo día que o Rei abdica, coñécese a condena do xulgado do penal de Santiago contra os sete concelleiros do goberno municipal do PP xulgados por prevaricación: nove anos de inhabilitación para exercer cargos públicos.
Os medios de comunicación – aínda dándolle a lóxica prioridade á abdicación do Rei – destacan especialmente a noticia da sentenza contra máis da metade dos membros do goberno local do PP en Compostela e, horas despois, o anuncio da dimisión dos mesmos:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/06/02/galicia/1401701675_872918.HTML
Os informativos da TVG recollen con profusión a gran noticia, a abdicacion do Rei. A segunda nova destacada do día é a condena dos sete concelleiros do PP de Santiago, e nos telexornais parece que tamén… pero non. Ten trampa.
Ao mediodía a nova cóntase nunhas colas, un formato que non soe pasar de 30″ que le a propia presentadora. Despois veñen as reaccións: O alcalde, do PP; o vicepresidente da Xunta, do PP, e os grupos parlamentarios… incluido o PP !!!:
http://www.crtvg.es/informativos/o-alcalde-de-santiago-respeta-pero-non-comparte-a-sentenza-827262
http://www.crtvg.es/informativos/os-partidos-da-oposicion-agardan-a-decision-do-presidente-827260
Pola tarde os edís anuncian a dimisión e… outra vez colas coa declaración dunha das condenadas (María Pardo) lendo un comunicado. É dicir, o Telexornal serán informa da condena cun formato que non permite explicar os argumentos dunha sentenza demoledora, nin contar como se chega ao anuncio de dimision de sete edís – SETE -, concelleiros do grupo de goberno santiagués.
Non se da nada sobre o futuro da corporación, nin un video explicativo sobre as opcións que teñen o PP e o alcalde… A sentenza non ten precedentes na recente historia democrática do municipalismo de Galicia, pero os telexornais da TVG cren que è suficiente cun texto duns poucos segundos lido pola presentadora.
Se non hai intención de minimizar a condena… parécese moito.