O mércores 7 de maio, a Audiencia provincial da Coruña rexeita o recurso presentado polos sete concelleiros do PP de Santiago contra o seu procesamento por prevaricación, acusados de aprobar o pagamento dos gastos da defensa do seu compañeiro de partido e edil de deportes, Adrián Varela, imputado na operación Pokémon.
Dese xeito confírmase que sentarán no banco, no xuizo previsto para o vindeiro 19 de maio, seis días antes das eleccións europeas. Enfróntanse a posibles penas de nove anos de inhabilitación.
Desde que se coñeceu a noticia a media tarde, foi portada destacada nos xornais galegos na Internet, pero o Telexornal serán da TVG tan só lle adicou unha breve mención duns 30 segundos, e cincuenta minutos despois de empezar o programa. Ademáis, nin tan sequera mereceu un titular a xuizo dos responsables de informativos. Ese privilexio si o levaron os burros que protexen o gando dos ataques dos lobos…
Así ofreceu a noticia o Telexornal serán:
Medio goberno local da capital de Galicia procesado por un dos delitos máis graves que pode cometer un funcionario público, e os informativos da televisión pública de Galicia nin sequera buscan a opinión do alcalde, por se quería dala, e nin palabra da oposición.
E outro detalle; horas despois, a páxina web da CRTVG seguía sen reseñar a noticia na portada !!!!.
Outros medios si que lle deron ampla repercusión – mesmo en portada -, contextualizando a noticia e buscando a reacción do alcalde, Ángel Currás. Aí teñen algunhas coberturas:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/05/07/galicia/1399473478_439924.html
O 19 de maio, con sete dos trece concelleiros do grupo de goberno municipal de Santiago de Compostela – do PP – sentados no banco dos acusados, nunha imaxe inédita, está por ver que cobertura ofrecerá a TVG, sobre todo comparada con outros casos de partidos da oposición noutras cidades galegas dos que si se informou a fondo.
(Continuará…)