A obsesión dos telexornais da Televisión de Galicia co sumario da Pokemon ten un nome e dous apelidos: Francisco Fernández Liñares.
Desde o levantamento do segredo do sumario, a TVG emite, ademais dalgunhas (non todas) informacións de actualidade que se xeran arredor da operación Pokemon, videos exclusivos con revelacións que recolle o sumario instruido pola xuiza De Lara. A diferencia doutros medios de comunicación, onde a información do sumario da Pokemon afecta tanto a PP como a PSdeG-PSOE, a Televisión de Galicia céntrase, nestes videos exclusivos que se emiten de luns a venres, en desvelar algunhas das tramas nas que o protagonista único é o ex-concelleiro socialista de Lugo.
Velaquí as informacións exclusivas emitidas pola TVG na última semana sobre o extenso sumario da Operación Pokemon:
Luns, 24 de febreiro: LIÑARES cobroulle 18.000 euros a un aspirante a policía local que aprobou a oposición
Venres, 21 de febreiro (A noticia non vai sobre LIÑARES, pero, oh casualidade!, si fala do PSdeG): Un empresario autoincúlpase e di que Aquagest pagou campañas electorais do PSdeG en Santiago
Xoves, 20 de febreiro: Un mando da policía local de Lugo puido agasallar cun rolex a LIÑARES por axilizar unha licenza
Mércores, 19 de febreiro: De Lara investiga se LIÑARES recualificou terreos e ocultou patrimonio mercando terras
Martes, 18 de febreiro: LIÑARES puido mediar para lograr o contrato da fábrica da luz de Lugo
Luns, 17 de febreiro: Un garda civil facilitou información a LIÑARES sobre a operación Pokemon
En cambio, non hai ningunha referencia a informacións que afectan ó PP, como por exemplo a que se publicaba o luns, 24 de febreiro sobre o recoñecemento por parte do alcalde de Santiago, Ángel Curras (Partido Popular), da existencia de irregularidades graves que beneficiaron á empresa Vendex.
122 tomos e miles de folios onde se poden atopar ducias de informacións sobre políticos do PP, pero á TVG só lle interesan para os seus videos exclusivos aquelas partes onde o buscador atopa as palabras Liñares, PSdeG ou Lugo. Alguén dará unha explicación?