Seguindo coa publicación dos artigos especiais polas 100.000 visitas ao noso blog, continuamos hoxe cos textos enviados polas distintas seccións sindicais que forman parte dos comités de empresa da TVG e da Radio Galega. Hoxe corréspondelle a quenda ao Sindicato de Xornalistas de Galicia. A orde de publicación, de maior a menor representatividade, é CUT (publicado o venres, 24), CIG (publicado o sábado), UXT (domingo), USO (seguimos á espera para poder publicalo esta semana), CC.OO. (martes), Sindicato de Xornalistas (hoxe) e Alternativa Radio Galega (xoves, 30).
Cen mil visitas á páxina Eu non manipulo son sinónimo de “éxito”
E aínda que poidamos discutir sobre metodoloxías, quedamos co sopro de esperanza que significa este blog e que revela que segue habendo traballadores e traballadoras da CRTVG que non se resignan, nin toleran nin comungan coa manipulación, coa censura e co dirixismo político que, como vimos denunciando, son práctica habitual na Radio e na Televisión Públicas de Galicia.
Pero se o cavilamos ben, a propia existencia desta páxina revela tamén un fracaso. Un fracaso político, social e xornalístico porque uns medios de comunicación que se someten ás vontades políticas e que se converten en instrumento de propaganda dos Gobernos, son medios que non respectan a sociedade á que se deben e que os paga.
Como traballadares e traballadoras da TVG e membros do Sindicato de Xornalistas de Galicia, entendemos que exercer o xornalismo en democracia implica que debemos ser esixentes e críticos cos que nos dirixen e estar comprometidos, unicamente, co noso país e cos nosos concidadáns. Os medios públicos xa escenificaron o divorcio con esta sociedade noutros tempos. E agora, cando os galegos e galegas noqueados, empobrecidos e saqueados reclaman unha voz que os defenda, que amplifique o seu berro e que traslade a súa queixa, agora cando máis as precisan, a Radio e maila Televisión públicas volven ningunealos e volven mirar cara outro lado… Seguir por aí é darlle razóns a quen pensa que a existencia desta casa non ten sentido.
SXG TVG