Seguindo coa publicación dos artigos especiais polas 100.000 visitas ao noso blog, continuamos hoxe cos textos enviados polas distintas seccións sindicais que forman parte dos comités de empresa da TVG e da Radio Galega. Hoxe corréspondelle a quenda á UXT. A orde de publicación, de maior a menor representatividade, é CUT (publicado o venres, 24), CIG (publicado o sábado), UXT (hoxe), USO (luns, 27), CC.OO. (martes, 28), Sindicato de Xornalistas (mércores, 29) e Alternativa Radio Galega (xoves, 30).
Unha realidade sen filtros
Sección sindical da UXT na CRTVG
A CRTVG, a TVG e a Radio Galega, que conformarán a futura corporación de medios públicos de Galicia, teñen na súa acta fundacional dous obxectivos irrenunciables, o apoio ao idioma propio de Galicia, con todo o que significa para a normalización social da lingua que conforma a nosa identidade como país, e o servizo público, nas súas vertentes informativas, divulgativas, de documentación e de tempo de lecer de calidade, que deberían contribuír decisivamente ao fornecemento da identidade cultural de Galicia.
O ano vindeiro cumpriranse 30 anos da posta en marcha da primeira emisión da TVG sen que –salvo algún que outro paréntese- ningún dos obxectivos citados se cumpriran, nin por aproximación, ao longo de case que toda a súa existencia.
Agora, cando as cotas de iniquidade informativa se superan día a día, e desde tantas instancias interesadas se está a tirar con bala contra os medios públicos de comunicación, é cando os profesionais da TVG temos que seguir denunciando a manipulación, cada vez máis basta e torpe, á que se somete a cotío a información por parte dos actuais responsables dos medios públicos de comunicación de Galicia.
Só así, desde dentro, coa denuncia constante, seremos capaces de lle transmitir á sociedade galega que nada está perdido, que hai esperanza porque a TVG conta con profesionais dispostos a cumprir e facer cumprir as regras do xogo, que non son outras que as do traballo constante na procura de achegar aos galegos e galegas unha realidade sen filtros que a oculten ou a deformen segundo os intereses do goberno correspondente.
A outra parte da nosa reivindicación terá por forza que ser a de instar a tódalas forzas políticas a promover e aprobar unha nova lei de medios públicos de Galicia que independice de verdade e dunha vez por todas a futura corporación do poder político de cada momento.