As sutilezas da manipulación, artigo da sección sindical da CIG na CRTVG

cropped-sin-tc3adtulo-color-real-018

Seguindo coa publicación dos artigos especiais polas 100.000 visitas ao noso blog, continuamos hoxe cos textos enviados polas distintas seccións sindicais que forman parte dos comités de empresa da TVG e da Radio Galega. Hoxe corréspondelle a quenda á CIG. A orde de publicación, de maior a menor representatividade, é CUT (publicado o venres, 24), CIG (hoxe sábado), UXT (domingo, 26), USO (luns, 27), CC.OO. (martes, 28), Sindicato de Xornalistas (mércores, 29) e Alternativa Radio Galega (xoves, 30).

As sutilezas da manipulación

Sección sindical da CIG na CRTVG

De todas as formas sutís e complexas que pode revestir a manipulación do discurso informativo, quizais sexan tanto ou máis eficaces que as derivadas da operación básica da selección (que regula o dereito ao “acceso”, isto é, a decisión sobre o que se di e o que se cala), as que resultan do proceso de xerarquización (decisión sobre importancia dos acontecementos noticiosos) e de tematización (decisión sobre os temas e os marcos incontrovertíbeis en torno aos cales se concentrará a atención e se marcarán as prioridades).
Mediante estas operacións, para alén de representar os feitos noticiosos con maior ou menor veracidade, os medios de comunicación de masas poñen en xogo crenzas ou presupostos tendentes a validar esa veracidade. Así, o discurso que producen non é simplemente informativo, mais tamén máis ou menos intensamente auto-confirmativo.

Na Galiza, unha vella nación da periferia europea que ten dereito á propia existencia, á súa autodeterminación, a maior manipulación dáse cada vez que o discurso informativo lle nega esa existencia de seu, reducíndoa a unha simple realidade territorial integrada xerarquicamente nunha unidade superior, chamada España.
Así acontece cando o telexornal da Televisión de Galiza abre o bloque de información dunha xornada de folga xeral coa manifestación de Madrid encabezada polos líderes dos principais sindicatos estatais, no canto de facelo coas máis concorridas manifestacións de Vigo presididas polos dirixentes sindicais deste país; ou cando abre coa información sobre o remate da folga do lixo na capital do reino, que como tal semella que tamén debe ser unha preocupación dos galegos e galegos.
Auto-confirmación, polo tanto, da españolidade como construción simbólica na que Galiza se integra como unha rexión máis de xeito absolutamente natural e incontrovertido. Velaí a grande manipulación, a magna agresión simbólica que a Televisión de Galiza exerce decote sobre a realidade social e nacional á que supostamente debería servir.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s