Xa tardades, artigo da sección sindical da CUT na CRTVG

cropped-sin-tc3adtulo-color-real-018

Seguindo coa publicación dos artigos especiais polas 100.000 visitas ao noso blog, iniciamos hoxe a dos textos enviados polas distintas seccións sindicais que forman parte dos comités de empresa da TVG e da Radio Galega. A orde de publicación, de maior a menor representatividade, é CUT (venres, 24), CIG (sábado, 25), UXT (domingo, 26), USO (luns, 27), CC.OO. (martes, 28), Sindicato de Xornalistas (mércores, 29) e Alternativa Radio Galega (xoves, 30).

XA TARDADES

Sección sindical da CUT na CRTVG

Celebra o blog as cen mil visitas e as compas e os compas que o alimentan cada día ofrécennos quince liñas aos sindicatos con representación na TVG para dicir calquera cousa. Ocórresenos ás xentes da CUT antes de nada agradecer. Agradecerlles a eles e a elas o seu esforzo cotián, as horas empregadas na consulta, na procura e no contraste; o tempo gastado con valor e dignidade nun único obxectivo común que, malia que parece mentira que haxa que andar a esixilo deste xeito en democracia, non sempre xera simpatías e empatías. Nalgúns, nos responsables da manipulación, os seus supostos beneficiarios e os necesarios colaboradores, máis ben todo o contrario. A ese aparato que denominaremos empresa tampouco lle gusta.

Ocórresenos tamén que é a ocasión de lembrar que este blog naceu nunha tormenta de ideas nunha asemblea de traballadores e traballadoras da TVG. E reparamos neste alumeamento pola importancia que ten: o blog pertence a todos e todas, non é o capricho deste ou daquela, non é un instrumento nin da CUT nin de ningunha das siglas que coma nós opinarán o que consideren estes días. Este pequeno matiz é chave. É a forza e o principal valor desta iniciativa sen precedentes na historia dos medios públicos de Galicia, tal vez, seguramente, de todo o estado. Erra interesadamente quen pretenda confundir ou disuadir ou desprestixiar lastrando o blog con etiquetas. Debe saberse dentro; tanto como debe saberse fóra.

E rematamos cunha última ocorrencia, cun chamado á responsabilidade dos que persisten en poñer en risco a canle pública coas súas prácticas, dos que serven a intereses espúreos, sexan económicos ou políticos, e traizoan con obscenidade e desvergoña a razón de ser da TVG, estar ao servizo do pobo galego, ofrecéndolle no seu idioma unha información veraz e plural. Non queremos esquecer aquí a ningún deses responsables, falamos dos internos pero tamén dos externos, ata chegar aos parlamentarios e parlamentarias que consenten e amparan esta manipulación ao non promover a posta en marcha dos posibles mecanismos de control previstos na lei e demandados por activa e por pasiva polo persoal da TVG.

Mentres estas persoas que manipulan ou consenten non depoñan a súa actitude, mentres non cambie a dirección xeral da Compañía e a de toda a súa estrutura xerárquica, moito nos tememos que o blog será preciso e ao seu carón, para o que faga falta, estará sempre a sección sindical da CUT, porque sexas cidadán, xornalista, sindicalista, as tres cousas á vez ou calquera outra, non se pode estar noutro sitio. Xa tardades os que aínda non o vedes. Por uns medios públicos independentes, libres e veraces, digamos non á manipulación informativa.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s