A redacción de informativos da Televisión de Galicia recibiu con alegría a nova de que dúas das nosas, as xornalistas Encina Ramos e Carme Santos, viran recoñecidos os seus traballos pola Fundación Profesor Novoa Santos. As reportaxes premiadas emitíronse no programa Reporteiros, desaparecido da programación da TVG por decisión da dirección de informativos.
A finais do mes de xuño, a redacción da TVG recibía un novo golpe duro. A dirección da empresa anunciaba a supresión do programa Reporteiros.
Era un espazo que achegaba o selo de calidade, coidada elaboración e análise detallada dos asuntos de actualidade. Foi unha medida absurda e sen ningún tipo de fundamento. A decisión de suprimir o programa sorprendía aínda máis no seo da redacción cando, meses despois, se confirmaba que o espazo de debate Foro Aberto continuaba na grella de programación da TVG2.
O mundo ao revés: desaparecía a calidade de Reporteiros e mantíñase o nulo rigor e o partidismo descarado (pro PP) de Foro Aberto, coa particularidade de que os seus dous presentadores Carlos Luis Rodríguez e Pablo Acción (contratado para esta temporada) non pertencen ao cadro de persoal da CRTVG e cobran unha boa suma de diñeiro cunha audiencia baixísima que rolda o 1% de share.
Meses despois, Reporteiros segue gañando premios, dándolle prestixio á TVG e poñendo en evidencia a falta de cintura, o entreguismo político e a deslealdade coa redacción dunha dirección de informativos cada vez mais cuestionada polas súas decisións.