Como eliminar este blog, por Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Seguindo coa publicación de artigos que conmemoran as 500 entradas deste blog, hoxe publicamos a opinión do decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a quen lle queremos agradecer a súa colaboración con Eunonmanipulo.

Xosé Manuel Pereiro destaca na sú achega que a solidez e a independencia dos medios públicos son indicadores da consolidación da democracia e atina cando recolle a única forma que hai de acabar con esta loita d@s traballador@s da CRTVG.

Como eliminar este blog

Os medios públicos son máis necesarios ca nunca, en tempos coma estes, nos que a información está espectacularizada, un produto máis dun pack de mercancías de mediana ou baixa calidade, ou o engado para presentalas como boas, como a botella de whisky nas cestas de nadal de medio pelo. Por iso son atacados tanto por quen usan os medios de comunicación como instrumentos de influencia económica – cando non de extorsión-, como por quen consideran que as radiotelevisións públicas deben ser, sen pausa nin desmaio, un botafumeiro do goberno correspondente, do partido que o sustenta e das institucións nas que ese partido manda, e un ariete contra o resto.

Igual que a educación pública debe formar a todos os cidadáns, teñan ou non recursos económicos para pagar esa formación, e a sanidade pública debe atender a saúde de todos e non discriminar entre pacientes con enfermidades rendibles dos que non as teñen, os medios públicos deben estar ao servizo da causa xeral da sociedade. Mesmo cando iso obstaculiza obxectivos, en principio lexítimos, como a audiencia ou os intereses do partido gobernante. A solidez, estabilidade e independencia dos medios públicos son vúmetros que indican o grao de consolidación da democracia nun país, das súas institucións e da súa sociedade.

A razón de ser de Eunonmanipulo

E para que isto sexa así, ademais de que a xente, os gobernos e os partidos o asuman, e sobre todo mentres non o fan, teñen que existir mecanismos de control. Consellos do audiovisual para determinar as liñas vermellas das emisións, tanto dos medios públicos como das empresas que explotan unha concesión pública, ás que adoitamos chamar medios privados. Comités de informativos aos que os xornalistas podan acollerse se se consideran obrigados a faltar contra a súa ética profesional, e aos que tamén podan reclamar os cidadáns que se consideren damnificados por unha información. Mecanismos que responden aos principios do Código Deontolóxico da Federación Internacional de Prensa, aprobado en 1954: “o periodista só aceptará, en materia profesional, a xurisdición dos seus iguais, excluíndo calquera inxerencia gobernamental ou de outro tipo”. Os mesmos mecanismos que hai en calquera nación democrática (onde non os hai, porque non fan falta, é nas ditaduras). Se os houbese, este blog non tería razón de ser.

Xosé Manuel Pereiro

Deixar un comentario